Coa espectacular camisola dos 10 anos de actividade e hiperenxebrismo xa nas máquinas de producción , procedemos a falar co artífice diste brutal artefacto sonoro-visual para que nos ilustre como foi o de seguro intenso proceso de xestación da criatura que moi pronto vestirá o teu pelexo...Con tod@s vostedes dende Lugo , coa forza dun palán na man e un pedazo de queixo de tetiña entre os dentes chega á Cantina da LNB O Rato Fumador!!
Moi boas Rato, Nistes tempos de represion máxima en
tódolos eidos incluso no de aspirar e expulsar fume dun xaruto son as pistas
de billarda a única salvación posíbel para que O Rato Fumador desfrute da seu
vicio en liberdade absoluta?
- Poucos lugares seguros quedan, poucos, mais ningún
coma as pistas billardeiras, pois alí, ademais de inspirar o fume do tabaco,
respíranse liberdade e revolución a mancheas. Que máis dicir...? Que dá gusto
ver os filmes vellos nos que se fumaba nos bares, nas tendas, nos colexios e
até nos hospitais, sen tanta irrealidade politicamente correcta.
Os espazos para os fumadores ao igual
que para o deporte e a cultura galega están cada vez máis sitiados pola accion
depredadora de toda e cada unha das institucións, é a billarda ó igual que os
Clash máis necesarios hoxe ca nunca?
- Non sei se máis
ca nunca pero tanto coma sempre si, e tedes que sentirvos orgullosos do
traballo que facedes dende agrupacións coma O Varal ou a LNB, non deixando que
esmoreza a billarda, que é deporte e cultura ó mesmo tempo, revalorizando o que
é noso sen deixarvos adurmiñar as conciencias, e espertando as dos demais coas vosas
actitudes resistentes, ó igual que facían os Clash coas súas letras cargadas de
compromiso político e social, fronte a outros grupos unicamente preocupados
polas vendas e polos cartos, con letras ocas, compracentes, que basicamente
viñan a dicir: Nada. Todo isto resúmeo
moi ben o subtítulo do República Billarda: Sons, letras e actitudes.
Foi quizais túa colision coa sepre
multicor da LNB no mítico Aberto do Polbo de Lugo o que anos máis tarde te
impusou a lanzarte ó concurso deseña a camiseta conmemorativa dos 10 anos de
actividade e hiperenxebrismo da LNB?
-Pois non
exactamente, aínda que despois si que estivo presente o choque fotográfico (de
serie B) coa cobra arco da vella. A idea xurdiu cando andaba argallando unha
montaxe para unha brincadeira máis do facebook, mesturando unha vella foto coa
portada do London Calling. Daquela ocorréuseme que mudando a foto por algunha
desas que fixera no Aberto do Polbo podía valer para o concurso. Probei como
quedaría con dúas, unha de Noelia e outra de Ismael e, aínda que me gustaba o
resultado, non o considerei apropiado porque sería inxusto para con tód@l@s que
non saían nela, e tampouco representaba todo o que me parecía que tiña que
estar presente nunha conmemoración tan importante para a LNB (ademais, por
aquelo dos dereitos de autor do que falabades nas bases, andei chamando ó Joe
Strummer e non me collía o teléfono J ). Despois fixen un esbozo nun papel e de aí saíu
todo.
O deseño é un collage impresionante sensacións
que reflicte á perfeccion o teu conecemento de moitas das teimas que son
pilares básicos da revolucion billardeira , a primeira sen dúbida o xénero e
xenio feminino do noso desporto nacional , comentanos un pouco iste aspecto.
- Dalgún xeito si
que pode ser coma un pequeno collage ou crebacabezas no que cada peza ten o seu
significado ben concreto. Pareceume que o xénero feminino tiña que estar
presente e a idea de utilizar o símbolo da loita feminina ocorréuseme revendo
unha foto dunha pancarta que tomara en Gernika (engadimos Gernika coma unha
influencia máis?). Ben, unha vez que rematei totalmente o deseño imprimino e, ó
velo no papel, pensei que igual era excesivo o tamaño do símbolo... Freguei os
ollos e ó abrilos de novo xa o tiven claro: non, está ben así, ou en todo caso
tería que ser máis grande aínda, porque precisamos facer visíbel esa loita en
tódolos ámbitos da sociedade.
O London Calling dos Clash e o República
Billarda , no teu estalo do facebook sitúas xuntos istes dous nomes coma
influencia para realizar o teu deseño , non sei se sabes que fixeche que moitos
palanadores e palandoras se nos puxera pel de galiña de Mos..
- Pois se lle
engadimos unhas patacas da Terra Chá a esa pel tan saborosa... estariades para
comervos. Alédame causar esa sensación en alguén, e que me digas iso fai que a
min tamén se me poña pel de pita. Soaron os dous Cd mentres estaba sentado
diante da computadora dándolle voltas ás neuronas. E, á parte da escoita
inspiradora, do London Calling roubei o formato das letras da portada e do
República Billarda saquei a forma da Billarda.
A tipografía soviet e a captación das
cores dun palán e dunha billarda co que se desputou o Aberto do Polbo reflicte
a implacábel marca da captura da realidade , o teu deseño é coma unha
fotografía sonora dun aberto de billarda nunha praza dun pobo calquera co
arrecendo dun día de feira ...
- Vas acadar que me poña encarnado con tanta gabanza
inmerecida. O único que fixen foi xuntar os vimes dun lado e doutro para facer
o cesto. Coa tipografía Soviet quería representar a resistencia indixenista da
LNB fronte a outros modelos globais que nos queren impoñer, e acordeime dela
porque ultimamente parece que se lle está a volver a dar, por parte dalgúns
iluminados que nos queren gobernar, ese ton e sentido desprezativo á palabra
“comunista”. O palán é o de Ismael e está sacado dunha foto do
Aberto do Polbo e, á billarda, feita coa forma da do CD que xa dixen antes,
engadinlle as cores vermella e negra da da mesma foto anterior. Quería engadir á listaxe de influencias
inspiradoras desa fotografía sonora ó pobo irmán de Euskadi, pois os buratos
que aparecen no deseño e que pretenden ser roeduras de rato, están sacados da
Ikurriña escaneada dunha camisola deste roedor.
E veña máis
unha última influencia: O alcume co que presentei o deseño ó concurso “nin
falta que fai” foi porque mirei cara ó andel e alí estaba o LP de Radio Océano.
Non ten ningún significado oculto pero poderíase dicir que no subconsciente
flutuaba a idea de xunguir no mesmo carro o hiperindixenismo indíxena e o
atlantismo oceánico.
Moitisimas grazas Rato Fumador pola túa
colaboración e implicacion absoluta niste gran proxecto chamado LNB e para
rematar gostaríanos que nos liberaras dista nosa angustia vital aclarándonos
qué carallo é o que en realidade fumas , Farias da Coruña , Habanos ,
Montecristos....
- Jajaja... o
secreto mellor gardado da rateira, jajaja.... Comecei fumando “Trucados”, xa
era sabido, máis agora doulle ós habanos, variedade Cohiba Robusto máis
concretamente. E coma algún ex-presidente do país veciño pola parte do leste e
de cuxo nome non quero acordarme, tráenmos tamén directamente dende Cuba.
Agora, recentemente, atopei un condensador de fluzo nun colector do lixo e ando
mirando de instalarllo ó meu carro para viaxar rumbo ó pasado, a Sierra
Maestra, aló polo ano 1957, coa intención de facerme con algúns coma os que
fumaba o comandante Ernesto Guevara.
Para rematar,
dicir que a un gústanlle os pequenos detalles, esas pequenas-grandes cousas que
fan que a vida sexa máis agradábel, e esta entrevista foi unha delas. Até a vitoria,
Sempre!