O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

domingo, julho 03, 2016

O RATO FUMADOR AMOSA OS PORQUÉS DE QUE INDITEX DIXERA NON Á PRODUCCIÓN DA CAMISOLA DOS 10 ANOS DE ACTIVIDADE E HIPERENXEBRISMO DA LNB!!


















Coa espectacular camisola  dos 10 anos de actividade e hiperenxebrismo xa nas máquinas de producción  , procedemos a falar co artífice diste brutal artefacto sonoro-visual para que nos ilustre como foi o de seguro intenso proceso de xestación da criatura que moi pronto vestirá o teu pelexo...Con tod@s vostedes dende Lugo , coa forza dun palán na man e un pedazo de queixo de tetiña entre os dentes chega á Cantina da LNB O Rato Fumador!!

Moi boas Rato,  Nistes tempos de represion máxima en tódolos eidos incluso no de aspirar e expulsar fume dun xaruto son as pistas de billarda a única salvación posíbel para que O Rato Fumador desfrute da seu vicio en liberdade absoluta?

- Poucos lugares seguros quedan, poucos, mais ningún coma as pistas billardeiras, pois alí, ademais de inspirar o fume do tabaco, respíranse liberdade e revolución a mancheas. Que máis dicir...? Que dá gusto ver os filmes vellos nos que se fumaba nos bares, nas tendas, nos colexios e até nos hospitais, sen tanta irrealidade politicamente correcta.




Os espazos para os fumadores ao igual que para o deporte e a cultura galega están cada vez máis sitiados pola accion depredadora de toda e cada unha das institucións, é a billarda ó igual que os Clash máis necesarios hoxe ca nunca?

- Non sei se máis ca nunca pero tanto coma sempre si, e tedes que sentirvos orgullosos do traballo que facedes dende agrupacións coma O Varal ou a LNB, non deixando que esmoreza a billarda, que é deporte e cultura ó mesmo tempo, revalorizando o que é noso sen deixarvos adurmiñar as conciencias, e espertando as dos demais coas vosas actitudes resistentes, ó igual que facían os Clash coas súas letras cargadas de compromiso político e social, fronte a outros grupos unicamente preocupados polas vendas e polos cartos, con letras ocas, compracentes, que basicamente viñan  a dicir: Nada. Todo isto resúmeo moi ben o subtítulo do República Billarda: Sons, letras e actitudes.



















Foi quizais túa colision coa sepre multicor da LNB no mítico Aberto do Polbo de Lugo o que anos máis tarde te impusou a lanzarte ó concurso deseña a camiseta conmemorativa dos 10 anos de actividade e hiperenxebrismo da LNB?

-Pois non exactamente, aínda que despois si que estivo presente o choque fotográfico (de serie B) coa cobra arco da vella. A idea xurdiu cando andaba argallando unha montaxe para unha brincadeira máis do facebook, mesturando unha vella foto coa portada do London Calling. Daquela ocorréuseme que mudando a foto por algunha desas que fixera no Aberto do Polbo podía valer para o concurso. Probei como quedaría con dúas, unha de Noelia e outra de Ismael e, aínda que me gustaba o resultado, non o considerei apropiado porque sería inxusto para con tód@l@s que non saían nela, e tampouco representaba todo o que me parecía que tiña que estar presente nunha conmemoración tan importante para a LNB (ademais, por aquelo dos dereitos de autor do que falabades nas bases, andei chamando ó Joe Strummer e non me collía o teléfono J ). Despois fixen un esbozo nun papel e de aí saíu todo.

















O deseño é un collage impresionante sensacións que reflicte á perfeccion o teu conecemento de moitas das teimas que son pilares básicos da revolucion billardeira , a primeira sen dúbida o xénero e xenio feminino do noso desporto nacional , comentanos un pouco iste aspecto.

- Dalgún xeito si que pode ser coma un pequeno collage ou crebacabezas no que cada peza ten o seu significado ben concreto. Pareceume que o xénero feminino tiña que estar presente e a idea de utilizar o símbolo da loita feminina ocorréuseme revendo unha foto dunha pancarta que tomara en Gernika (engadimos Gernika coma unha influencia máis?). Ben, unha vez que rematei totalmente o deseño imprimino e, ó velo no papel, pensei que igual era excesivo o tamaño do símbolo... Freguei os ollos e ó abrilos de novo xa o tiven claro: non, está ben así, ou en todo caso tería que ser máis grande aínda, porque precisamos facer visíbel esa loita en tódolos ámbitos da sociedade.


















O London Calling dos Clash e o República Billarda , no teu estalo do facebook sitúas xuntos istes dous nomes coma influencia para realizar o teu deseño , non sei se sabes que fixeche que moitos palanadores e palandoras se nos puxera pel de galiña de Mos..

- Pois se lle engadimos unhas patacas da Terra Chá a esa pel tan saborosa... estariades para comervos. Alédame causar esa sensación en alguén, e que me digas iso fai que a min tamén se me poña pel de pita. Soaron os dous Cd mentres estaba sentado diante da computadora dándolle voltas ás neuronas. E, á parte da escoita inspiradora, do London Calling roubei o formato das letras da portada e do República Billarda saquei a forma da Billarda.



















A tipografía soviet e a captación das cores dun palán e dunha billarda co que se desputou o Aberto do Polbo reflicte a implacábel marca da captura da realidade , o teu deseño é coma unha fotografía sonora dun aberto de billarda nunha praza dun pobo calquera co arrecendo dun día de feira ...

- Vas acadar que me poña encarnado con tanta gabanza inmerecida. O único que fixen foi xuntar os vimes dun lado e doutro para facer o cesto. Coa tipografía Soviet quería representar a resistencia indixenista da LNB fronte a outros modelos globais que nos queren impoñer, e acordeime dela porque ultimamente parece que se lle está a volver a dar, por parte dalgúns iluminados que nos queren gobernar, ese ton e sentido desprezativo á palabra “comunista”.  O palán é o de Ismael e está sacado dunha foto do Aberto do Polbo e, á billarda, feita coa forma da do CD que xa dixen antes, engadinlle as cores vermella e negra da da mesma foto anterior. Quería engadir á listaxe de influencias inspiradoras desa fotografía sonora ó pobo irmán de Euskadi, pois os buratos que aparecen no deseño e que pretenden ser roeduras de rato, están sacados da Ikurriña escaneada dunha camisola deste roedor.

E veña máis unha última influencia: O alcume co que presentei o deseño ó concurso “nin falta que fai” foi porque mirei cara ó andel e alí estaba o LP de Radio Océano. Non ten ningún significado oculto pero poderíase dicir que no subconsciente flutuaba a idea de xunguir no mesmo carro o hiperindixenismo indíxena e o atlantismo oceánico.




Moitisimas grazas Rato Fumador pola túa colaboración e implicacion absoluta niste gran proxecto chamado LNB e para rematar gostaríanos que nos liberaras dista nosa angustia vital aclarándonos qué carallo é o que en realidade fumas , Farias da Coruña , Habanos , Montecristos....

- Jajaja... o secreto mellor gardado da rateira, jajaja.... Comecei fumando “Trucados”, xa era sabido, máis agora doulle ós habanos, variedade Cohiba Robusto máis concretamente. E coma algún ex-presidente do país veciño pola parte do leste e de cuxo nome non quero acordarme, tráenmos tamén directamente dende Cuba. Agora, recentemente, atopei un condensador de fluzo nun colector do lixo e ando mirando de instalarllo ó meu carro para viaxar rumbo ó pasado, a Sierra Maestra, aló polo ano 1957, coa intención de facerme con algúns coma os que fumaba o comandante Ernesto Guevara.
Para rematar, dicir que a un gústanlle os pequenos detalles, esas pequenas-grandes cousas que fan que a vida sexa máis agradábel, e esta entrevista foi unha delas. Até a vitoria, Sempre!

1 Comments:

  • At 10:42 AM, Blogger Rato Fumador said…

    Pareceume perfecta a elección da foto de moitas lauras precisa este país. Parabéns.

     

Postar um comentário

<< Home