O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

segunda-feira, março 07, 2011

FILLOS DE BREOGÁN , A PRIMEIRA EQUIPA DE FUTBOL GAÈLICO DA GALIZA, INVADE A CANTINA DA LNB!!


Acomódate e pide un grolo na Cantina da LNB hoxe transformata nun animado Irish Pub donde a música e o deporte tradicional dise país irmán invade cada recuncho e cada cunca de licor que acariña os nosos beizos , impresionante e clarificarificadora son as verbas que Wenceslao, alma mater do proxecto Fillos de Breogán , primeira equipa de futbol galélico da Galiza con sede na Coruña e que quere conquistar o universo enteiro a base de puñetazos e patadas a un balón de coiro...dá o paso e inscríbete coma Fill@ de Breogán>> secretary.acoruna.europe@gaa.ie

-Simplemente un luxazo inmenso ter na cantina da LNB á primeira equipa de futbol gaélico da país, directamente dende A Coruña , Os Fillos de Breogán ocupan a barra da Cantina da LNB….Wenceslao , Ginness ou licor café??

-Licor café e, se falamos de bebidas irlandesas, prefiro a sidra.



-Bueno , a verdade é que a ledicia é inmensa por ter na LNB aliados coma Fillos de Breogán , contádenos, como foi o proceso para que o primeiro clube de futbol gaélico na Galiza nacera na Coruña? , cidade ademáis na que o futbol estándar ou inglés ten tanta implantación.....

-O verán pasado fun de vacacións a Dublín. Coñecía a existencia deste deporte, pero pouco máis. Coincidiu que se xogaban as semifinais do Leinster e alá fumos a Croke Park. Vimos un derbi Áth Cliath-An Mhí e foi espectacular. O deporte e todo o que o rodea. Ó chegarmos a Galicia pensei en poder xogar a fútbol gaélico na miña terra. Comprobei que non había equipos, o máis próximo era o de Madrid, así que falei co resto dos clubes e comecei a aventura de crear o primeiro equipo de fútbol gaélico de Galicia.


-De seguro que o Deportivo nunca contou con ter un referente do futbol galélico tan preto e incluso , quen sabe , co que algún día compatir espazos. Pensástedes na posibilidade de desputar algún partido no propio estadio de Riazor?

-Dende logo que non. De feito, temos problemas para que nos dean un CIF como asociación deportiva, collémo-las sobras dos campos da Torre (pagados relixiosamente) e, graciñas ó Zalaeta de rugbi, podemos adestrar con eles en Uxes. O noso obxectivo, unha vez que somos máis de trinta homes no equipo, é crea-la sección feminina, cousa que xa empezou a semana pasada, aínda que só temos tres.

-Para os non iniciados , poderíasnos dar unhas pinceladas básicas sobre as reglas diste espectacular deporte chamado futbol gaélico?

-É o deporte nacional irlandés, tan antigo ou máis có fútbol británico. Xógase co pé e coa man. En Irlanda, son equipos de quince xogadores, no resto de Europa xógase once contra once. Hai dúas porterías, coma no fútbol normal, pero tamén con paus de rugbi. Meter gol vale tres puntos e unha transformación a paus un punto. O balón pódese levar na man, pero cada catro pasos hai que botalo unha vez ou darlle un toque co pé cara as mans de novo. Non hai placaxes coma no rugbi, pero si cargas de ombreiro contra ombreiro e, de seguro, é máis duro có fútbol británico pero moito menos có rugbi.

-Polo que podemos ver cada equipa consta de 15 xogadores, ise numero de elementos necesario para a formación dunha equipa , aínda que no continente estades xogando con 11, pode impedir que xurdan máis equipas tanto na Coruña como na Galiza?

-Non penso que ese sexa problema, xa que, como dis, os equipos son de once xogadores de campo, como no fútbol grande. Na actualidade, estou a tratar de poñe-lo xérmolo de novos equipos por Galicia adiante. A resposta na Coruña foi espectacular, pois en menos dun ano somos xa trinta xogadores e xa participamos no Campionato Ibérico. Vai todo moito mellor do que o máis optimista podería pensar.

-A maioría dos homes e mulleres que teñen os ollos chantados nistes regos escritos practicaron , practican ou coñecen o futbol estándar e o rugby , partindo da base que o futbol gaélico é unha especie de mistura de ambas disciplinas como animarías a toda a xente para que se achegara ó Campo da Torre participar dos vosos adestramentos?

Pensar no fútbol gaélico como mestura de rugbi e fútbol asociación penso que é un erro, pois o 'peil' é un deporte que non ten as mesmas raíces e que tivo unha evolución completamente á marxe dos xogos británicos. Como dixen, de mozos vamos servidos xa, afortunadamente, pero non así de mozas, polo que animo a tódalas mulleres que queiran probar este fantástico xogo a viren pola Torre de Hércules. Trátase dun deporte que engancha, todo o que vén repite e, no caso das mulleres, as regras son diferentes, máis permisivas nos aspectos técnicos e menos permisivas nos contactos.

-Fillos de Breogan participa nunha liga ibérica de sete equipas, poderías comentarnos un pouco os entresixos dista espectacular competición na que polo momento non hai nungún equipo luso, mais no hipotético intre de formarse de seguro que se integraría na liga , estamos no certo?

-Un dos obxectivos e levar a liga a Portugal, xa que así se pensou a principios de da década pasada, cando se creou este campionato. Michael Collins, o presidente do Sant Vicent València, está tamén na procura de novos equipos e, como Mick estudou en Coímbra e fala portugués coma Pessoa, está a tratar de que haxa equipos no noso país veciño a curto prazo.

-Dous equipos cataláns, un madrileño, dous andaluces , un basco e vós coma representantes galaicos formades ista impresionate nómina de poderosos xinetes da apolipse do futbol gaélico na península iberica , mais polo que nos comentan fillos de Breogan é a única franquicia formada por maioría xogadores Galegos e non case en exclusiva por deportistas irlandeses que son case maioría en todas as outras equipas, é isto certo?

-Dos sete equipos, só nós e o Noahm Fermín Iruña de Navarra temos unha base autóctona. O resto teñen algún xogador español, mais a estrutura está formada por irlandeses. Curiosamente, nos campións do primeiro torneo deste ano, o Barcelona Gaels, hai un fillo de emigrados, de pais de Carnota, así que non só hai galegos nos Fillos de Breogán. Pero si, pódese dicir que tanto nós como Iruña salientamos por ser iso, galegos e vascos, non irlandeses. Así tamén sómo-los dous equipos menos competitivos, a diferencia de nivel é moi grande. Hai que decatarse que os irlandeses xogan ó 'peil' como aquí xogamos ó fútbol desde pequenos.

-Ate o de agora contextualizamos as accións a nivel galego e ibérico donde o futbol gaélico é unha disciplina emerxente mais gostaríanos que nos comentaras como se vive iste deporte na propia irlanda donde xunto co hurling é o deporte nacional e sobre todo no contexto internacional donde Australia, Reino Unido , Canadá ou Estados Unidos a priori parecen sitios donde o futbol gaélico poder ter un moi importante pulo.

-O fútbol gaélico é o deporte número un de Irlanda. Máis atrás vén o hurling e xa moito máis afastados polo seguimento da poboación o fútbol asociación e o rugbi. Contrariamente ó que percibimos aquí, o rugbi non é especialmente seguido, é o cuarto deporte, malia o gran nivel que ten a súa selección nacional. O fútbol gaélico espallouse mediante a emigración do pobo irlandés, sobre todo a territorios de dominio británico. Así é que a división de confederacións non segue o mesmo patrón que na maioría dos deportes, como a FIFA por exemplo. A GAA (Gaelic Athletic Association) fai unha separación de Irlanda (como a NBA para eles) do resto do mundo, onde hai a federación de Estados Unidos, Canadá, Australasia, Gran Bretaña, Nova Iorque e a de Europa, onde estamos nós. Debido ó grande número de equipos, Nova Iorque ten federación distinta ó resto dos Estados Unidos. Londres e Nova Iorque compiten tódolos anos no All Ireland, o mellor campionato do mundo, cos equipos da Illa Esmeralda, aínda que non pasan, de momento, da primeira fase.

- Fillos de Breogán e a LNB compaten unha mesma filosofía de acción , o faino ti mesmo , ate o de agora ambas disciplinas son ignoradas polos poderes públicos e reciben un trato case exótico polos medios xeralistas, mediante os nosos espazos na rede ambos mundos avanzamos cara unha difusión fai tan só uns anos xamais soñada, coa ollada no horizonte cales son os vosos plans de futuro nos que supomos estará a formación dunha selección galega para a participación en competicións internacionais oficiais?

-Compartimos o desprezo institucional da Xunta, pero non o da prensa, por sorte. O seguimento que está a face-la prensa, sobre todo a coruñesa, é de dez. Tivemos entrevistas en Radio Voz, Cadena SER, na Radio Nacional e na Radio Galega e dispuxemos de páxinas enteiras en La Voz de Galicia, DXT Campeón, O Xornal de Galicia, La Opinión A Coruña, El Ideal Gallego e mesmo en El País. Por iso non nos podemos queixar. Por outra banda, o tema da selección galega non é unha prioridade. Cando me embarquei neste proxecto gustábame que non se mesturase política con deporte. Con todo, este ano propúxose dende o Comité Europeo facer unha Copa das Nacións, co que competirían por primeira vez seleccións europeas (as únicas que existen son a de Irlanda e a de Australia, composta de xogadores de fútbol australiano). O noso equipo ten xente de ideoloxías políticas completamente opostas e, como dixen, non vémo-lo tema da selección galega como unha prioridade. Se falo a título particular, digo que para min sería un orgullo poder axudar no posible na creación da selección galega e que esta participase como seleccionado nacional nun campionato europeo. Dende o Comité Europeo, considérannos unha provincia, literalmente. Malia seren irlandeses, sorpréndeme o descoñecemento que teñen de Galicia e do contexto europeo en xeral, posto que Bretaña, Cataluña e Occitania tamén manifestaron o seu desexo de participaren coas súas seleccións nacionais e non con Francia ou España. Resulta que a GAA considera diferente o caso de Gales, Escocia ou a unidade nacional de toda a Illa de Irlanda a que poida haber selección diferentes nun mesmo estado fóra das illas. Non ten criterio algún esa distinción, penso que é produto da ignorancia e de estar afeitos a facer e desfacer no seu deporte como queren. É máis, penso que non sería nin sequera un conflicto político que houbese selección galega, catalana, vasca e española nun deporte no que non hai selección española. O tempo dirá como van as cousas.


-Sen dúbida as pelotas e as billardas están condeadas a entenderse polo que sirva iste encontro na Cantina da LNB para selar cun poderoso brinde a nosa alianza que moi pronto nos xuntará nun mesmo campo disparando cara á mesma Varal-porteiría ....porque Fill@s de Breogán somos tod@s!

-Graciñas polo interese que amosades. A miña xente chámalle estornela ó que vós chamades billarda. De seguro que cun pouquichiño de axuda institucional a cousa iría aínda mellor ós nosos dous deportes. Ánimo e a seguir polo mesmo camiño. Graciñas!

5 Comments:

Postar um comentário

<< Home