O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

sábado, agosto 13, 2005

DIARIOS DA GUAGUA


Os intres previos a un gran acontecemento sempre son cruciais para o desenrolo final do mesmo, cando os coches pilotados polos palanadores e palanadoras chegados de Ribadeo viron que a Guagua da LNB non estaba estacionada fronte á praza do concello de Barreiros un golpe en forma de raio pasounos polo peito temendo algún contratempo non anunciado. Con iste enorme calafrío percorrendo o corpo dirixímonos fronte ó bar do teleclube , centro de reunións da Asociación Deportiva e Cultural O Varal que xunto co Concello de Barreiros organizaban ista expedición de palanadores e palanadoras das terras da mariña de lugo á parroquia pontevedresa de Xil, no concello de Meaño, un suspiro de alivio saíu das gorxas dos desconcertados palanadores que por fin divisaban a Guagua quentando motores preparada para transportar toneladas de paixón.
Ás oito da mañá xa estaba todo preparado para dar inicio á gran aventura, os xogadores e xogadoras de Barreiros foran os primeiros en ocupar os asentos da Guagua ó que posteriormente se uniron as unidades chegadas de Ribadeo, emocionante o intre anterior á partida cando os responsabeis da LNB colocaron coa axuda do piloto da guagua, ise mestre da ruta que dirixe os destinos disa gran empresa chamada autos Dorado, o cartaz que anunciaba por primeira vez na estrada o escudo da A.C.D.O Varal xunto coas letra de BILLARDA-LNB , algo tantas veces soñado que por fin facíase realidade ante os ollos emocionados de moitos dos que alí estabamos presentes.
Cando o piloto solta o ar para pechar a porta e a Guagua inicia a marcha foi un instante de máxima emoción , transcribo directamete as verbas escritas no caderno de ruta "intres indescriptíbeis á saída da Guagua do teleclube de Barreiros, coa banda sonora de Lola dos Kings e con comentarios sobre a (primeira) detención do moniño de Barreiros iniciamos viaxe cara a Xil"