O VARAL

EDITADO POLA LNB [ Liga Nacional de Billarda ] >>>>>> ovaral@hotmail.com

terça-feira, agosto 30, 2005

VASOS COMUNICANTES

O inicio de liga de futbol iste ano troixo unha nova polémica ós terreos de xogo, o chamado "pinganillo" , o aparello que xa fai moito tempo se utiliza no ciclismo e polo cal o director de equipo dá ordes ós seus corredores quixo exportarse por mediación do Real Madrid ós terreos de xogo do mundo. Dende o varal apoiamos plenamente ista iniciativa encabezada por Wandelei Luxemburgo , é mais, en plena final do campionato interparroquial , Ismael "o Zidane da billarda" en tarefas de adestrador do dream team de Celeiro de Mariñaos xa puxo en marcha o seu peculiar "pinganillo" xa que cada golpexo dun palanador da selección azul viña precedida dos conseguintes consellos á orella dun Ismael entregado en corpo e alma ás tarefas técnicas . A LNB quere espallar ista idea polo que se as franquicias estaban preparando ises aparellos para competir na SuperLiga LNB que se inicia a finais de setembro que non se preocupen que iso xa está regularizado, electrificando os banquiños da LNB!!

Entra no apaixoante universo da billarda-LNB e con pinganillo ou sen el racha cos paláns e coas billardas, outro deporte é posibel!! Posted by Picasa

quarta-feira, agosto 24, 2005

GOLPES DE TALONARIO

Nos previos do interparroquial vivíronse intres moi intensos, dende logo a presentación oficial dos novos palanadores dos Petapouco foi unha delas, Calvete declarábase en locución emocionada ós nosos compañeiros de TELE-VARAL que tiña un ano de contrato e que pensaba renovar xa que os Petapouco era a equipa na que sempre desexara xogar, pola súa banda José Manuel, vai tentar trasladar o seu estilo de tenista reputado ó golpexo do palán contra a billarda, dende logo a Superliga de Billarda –LNB quenta motores e algunhas franquicias tentan reforzarse ó máximo en vista a unha competición máis reñida que nunca na que xa as franquicias do sur da Galicia , os xa reputados Palán-Ganas de Vigo xunto coa máis que probable incursión de novas franquicias chegadas dende o sur galego poden por en perigo o dominio das equipas do norte na competición 2005-06 da Superliga. Os palanadores e palanadoras da LNB están afiando as billarda porque a finais de setembro a competición máis espectacular do país vai porse en marcha. Outra Liga é posible!!

Calvete e José Manuel, novos reforzos dos Petapuoco de Barreiros. Dende as oficinas dos Petapouco comunícannos que a camiseta de Calvete esgotouse xa o luns que foi cando se puña á venda nas tendas da mariña e advirten das falsificaciós que están inundando o mercado.Outro merchandising é posíbel!! Posted by Picasa

terça-feira, agosto 23, 2005

O PODER INTER-PARROQUIAL

Existen 3875 entidades parroquiais no conxunto do territorio galego, todas elas carecen de capacidade administrativa propia que polo momento está delegada no concello ó que pertencen. Distas 3875 dúas delas , concretamente as de Celeiro de Mariñaos e as de San Cosme pertencentes ó concello de Barreiros en Lugo medíronse nun histórico enfrontamento para dilucidar cal das dúas era a campiona do campionato interparroquial de billarda-LNB, mais cada golpe do palán contra a billarda era un golpe que tiña detrás a forza e o empuxe disas 3875 parroquias que miraban con embexa o xeito de expresión distas dúas sensacionais e emerxentes seleccións parroquiais. O cemiterio e a igrexa son os elementos básicos que delimitan o marco dunha entidade parroquial, pero se ti pensas que o teu barrio , a túa paila , a túa aldea ou a unidade veciñal na que convives necesita urxentemente a categoría de parroquia , colle rapidamente os paláns e as billardas e entra de cheo na LNB, reivindícate coma parroquia na LNB!!

foto de famila das dúas seleccións cos palanadores e palanadoras e o corpo técnico de ámbolos dous combinados parroquiais. Posted by Picasa

A ILLA DA DESOLACIÓN

A selección de Celeiro contou co apoio de numerosísimos afeccionados que se desprazaron xunto co seu equipo ate a pista central do San Bartolo para tentar axudar a cos seus cánticos e co seu boureo a consecución do segundo título de campións interparroquiais. O corpo técnico da selección de Celeiro impuxo unha estricta disciplima de adestramento durante toda a semana previa agardando ansiosos que chegara o domingo para demostrar sobre o cemento pulido de San Cosme a súa supremacía no campionato interparroquial.Ismael " O Zidane da Billarda" adicado única e exclusivamente a tarefas técnicas declaraba ós micrófonos da nosa televisión irmán TELE-VARAL , que desprazou unha unidade móbil ate a pista central para cubrir o importantísimo choque, que Celeiro non viña a reter nen a xogar á defensiva, Celeiro ven a gañar e non a especular co resultado acadado no Torneo da Santa Cristina. Ó final o exceso de tensión e a enorme presión sobre os palanadores do combinado azul fixo que se derrubara o castelo de naipes sobre o que se sostiña a supremacía de Celeiro. Únete á LNB e sinte o poder da túa selección parroquial!!

o "dream team" de Celeiro pese a contar cun numeroso grupo de seguidores na pista central do San Bartolo non puido confirmar a súa supremacía na espectacular competición interparroquial. Posted by Picasa

segunda-feira, agosto 22, 2005

SAN COSME TUMBOU Ó "DREAM TEAM"!!


A pista central de San Bartolo ferveu na tarde do domingo 21 de agosto para acoller o partido de volta do campionato de seleccións parroquiais entre o combinado de Celeiro de Mariñaos e San Cosme. A vinganza é un prato que se serve ben frío mais ós seleccionados de San Cosme valíalles igual servila sobre cemento ardente . Moito público e moi animado deu cor e emoción ó histórico enfrontamento que converteu o terreo de xogo nun auténtico taboleiro de xadrez no que Ismael, O Zidane da billarda en tarefas unicamente tácticas coma seleccionador de Celeiro tentaba mover os seus peóns á desesperada que unha e outra vez chocaban cun áxil combinado de San Cosme que traía ben aprendida a lección para non cometer os erros da anterior contenda que fixeron albergar falsas esperanzas ós palanadores de Celeiro sobre que o partido de San Bartolo ía ser un mero trámite. Os xa oficialmente Petapoucos José Manuel e Calvete , acompañados por uns inspiradísimos Toño, Fram e sobre todo por un xenial Servando que puxo a guinda ó pastel vencendo na carreira definitiva a Daniel e desnivelando a balanza para o lado dos de San Cosme. Cada selección venceu no seu terreo polo que taboas no computo xeral dun torneo interparroquial que quentou os motores para o inicio da Superliga Galega de Billarda-LNB que na súa edición 2005-06 vai romper moldes, non perdades a pista porque volta a emoción , volta o gran espectáculo da LNB!!

quarta-feira, agosto 17, 2005

INTERTOTO PARROQUIAL


Se estades aínda repóndovos da excitante lectura dos Diarios da Guagua pídovos por favor que tomedes ar porque iste domingo día 21 de Agosto na pista central do San Bartolo no concello de Lugués de Barreiros vai celebrarse a volta da primeira copa intertoto de seleccións Parroquiais o que na LNB se coñece xa co nome da INTERTOTO PARROQUIAL. O Dream Team de Celerio arrasou no seu estadio e deixou á selección de Barreiros con tres carreiras menos , isas tres carreiras son as que os Barreiros All Stars teñen que recuperar nunha tarde que se prevé intensísima baixo o ardente sol ó carón da praia das Catedrais. Todos os afeccionados á billarda –LNB están convidados a partir das 20 horas á pista multiusos de San Bartolo para apoiar cos seus berros , bandeiras , patardos e bengalas ós seus palanadores e palanadoras das seleccións parroquiais mais importantes do momento. Outra intertoto é posible!!

sábado, agosto 13, 2005

DIARIOS DA GUAGUA


Os intres previos a un gran acontecemento sempre son cruciais para o desenrolo final do mesmo, cando os coches pilotados polos palanadores e palanadoras chegados de Ribadeo viron que a Guagua da LNB non estaba estacionada fronte á praza do concello de Barreiros un golpe en forma de raio pasounos polo peito temendo algún contratempo non anunciado. Con iste enorme calafrío percorrendo o corpo dirixímonos fronte ó bar do teleclube , centro de reunións da Asociación Deportiva e Cultural O Varal que xunto co Concello de Barreiros organizaban ista expedición de palanadores e palanadoras das terras da mariña de lugo á parroquia pontevedresa de Xil, no concello de Meaño, un suspiro de alivio saíu das gorxas dos desconcertados palanadores que por fin divisaban a Guagua quentando motores preparada para transportar toneladas de paixón.
Ás oito da mañá xa estaba todo preparado para dar inicio á gran aventura, os xogadores e xogadoras de Barreiros foran os primeiros en ocupar os asentos da Guagua ó que posteriormente se uniron as unidades chegadas de Ribadeo, emocionante o intre anterior á partida cando os responsabeis da LNB colocaron coa axuda do piloto da guagua, ise mestre da ruta que dirixe os destinos disa gran empresa chamada autos Dorado, o cartaz que anunciaba por primeira vez na estrada o escudo da A.C.D.O Varal xunto coas letra de BILLARDA-LNB , algo tantas veces soñado que por fin facíase realidade ante os ollos emocionados de moitos dos que alí estabamos presentes.
Cando o piloto solta o ar para pechar a porta e a Guagua inicia a marcha foi un instante de máxima emoción , transcribo directamete as verbas escritas no caderno de ruta "intres indescriptíbeis á saída da Guagua do teleclube de Barreiros, coa banda sonora de Lola dos Kings e con comentarios sobre a (primeira) detención do moniño de Barreiros iniciamos viaxe cara a Xil"

O ambiente nos asentos da Guagua era unha mistura entre excitación e somnolencia, en realidade todos sabemos que fai falla moita efección á billarda para un domingo ás oito da mañá porse en marcha para a desputa dun campionato, a esencia do deporte viaxaba nise autobús da ilusión, sen nengún tipo de incentivo económico os palanadores e palandoras da LNB erguéronse dispostos a coñecer ós nosos amigos de Xil cos que simplemete compartimos unha afección común, a paixón polo deporte da Billarda-LNB. A cinco minutos da saía de Barreiros estaba situada a primeira parada , en Celeiro de Mariñaos uníronse á expedición novos efectivos, encabezados como non podía ser menos pola gran estrela da competición e presidente da asociación O Varal Ismael "O Zidane da Billarda", de novo botamos man do caderno de ruta para relatar iste intenso momento, " Facianas emocionadas na parada de Celeiro , vemos á nova figura da LNB Cristian que sube á Guagua coa bolsa deportiva cargada de xenio" . Efectivamente, Celeiro de Mariñaos é canteira de grandes palanadores polo que O Zidane da Billarda pode estar tranquilo , Cristian é xa un galáctico da LNB-xuvenil e ameaza moi seriamentre o liderato na competición do seu veciño Ismael cando de xeito definitvo se asente na LNB profesional.
Moi preto de Celeiro atopábase a segunda parada , en Vilamar subiu á Guagua Xoan do querido da franquicia dos fumes de Cabarcos, viña disposto a demostrar no campionato de Xil que aínda estaba entre os grandes pese a que nos últimos torneos a sorte non foi súa aliada.“Do Paraíso ás Angustias , a parada situada en Lourenzá no mesón Paraíso foi a gota que colmou a Guagua, galácticos e galácticas en Marcha!!” , son verdas extraídas directamente do Caderno de Ruta, a tinta do bolígrafo tornouse en marcador histórico dunha viaxe que vai quedar gravada para sempre na retina de todos os palanadores e palanadoras que forman a LNB.

Despois da excitación inicial o groso da expedición xa máis calmada vai acomodándose no seu asento e relaxándose para unha viaxe que vai durar unhas tres horas, polo cedo da hora de saída as tripas de moitos dos expedicionarios van pedindo unha tente en pé, que niste caso poderiamos considerar coma un “ tente sentado” , xa que a fame e as ganas dun café fan que os expediciorarios se retorzan nos asentos das Guagua. Como non podía ser menos, o conductor da Guagua accedeu gostoso ós requerimentos de súa tripulación de palanadores e palanadoras e na area de servicio de Guitiriz , a Guagua botou áncora para tomar a tan desexada parva, iste espectacular intre de avitoallamento está tamén recollido no xa imprescidíbel caderno de ruta “ Guitiriz recibiu cos brazos abertos á expedición da LNB , os cafés da area de servicio combináronse cos bocadillos de panceta cos que palanadores e chofer da Guagua repuñan forzas despois do madrugón das 8 da mañá”.

Coa Guagua de novo en marcha e unha vez pasada a cidade de Compostela unha sensación de nerviosismo comezou a percorrer o corpo de todos os expedicionarios da LNB, miradas continuas ós reloxos e olladas cara ós indicadores denotaban que o intre de pisar terra estaba moi preto, de novo temos que recurrir ó caderno de ruta para poder sentir con precisión ises intensos intrés nos que os membros da LNB divisaron pola lunas da Guagua o indicador para adentrarse nas terras da parroquia de Xil “ O sprai do indicador guía a Guagua cara a parroquia de Xil, todos son berros de emoción , ó carón das viñas da beira da estrada recibimos os saudos dun bravo acodado na barra dun bar”

A chegada a terras de Xil foi antes do previsto pola organización , a Guagua tiña marcada a entrada na parroquia para as 12:30 mais a A.D.C O Varal decidiu un adiántamento na hora de saída para evitar calquer imprevisto na ruta, despois de saudar de xeito totalmente emocionado ó noso amigo e compañeiro Abel que dun xeito impresionante volcouse en que todos os membos da expedición nos sentíramos coma se a parroquia de Xil fóra a nosa propia parroquia. A Guagua parou xusto ó lado da Capela das Angustias, polo que os palanadores e palanadoras foron de xeito instintivo inspeccionar o terreo de xogo donde se ía celebrar o gran torneo de billarda LNB, pasado iste intre de toma de contacto, os expedicionarios achegámonos ate a Taberna da Cancela donde Abel nos serviu uns refrixerios que souberon a gloria isa intensa mañá do 11 de xuño. Dado que a expedición se adiantara ó horario marcado pola orginización de Xil , tomouse a decisión no seo da LNB de fecer un pouco de turismo e o Grove foi o destino elixido.

De volta a Xil os corazóns dos expedicionaros batían coma berrenos no interior da guagua case que reconvertida en bus de turismo alternativo . Antes de apearnos xa puidemos divisar pola lua frontal da Guagua unha enorme mesa para multitude de comensales, xa se poden facer unha idea das caras dos nosos expedicionarios, os ollos coma pratos!!, nadie nin no mellor dos seus soños puido imaxinar un recibimento igual.
Pero non ía ser soio unha comida e listo, en Xil saben facer as cousas e Abel o noso gran anfitrion xa advertira que non quería que ningún membro da LNB troixera nen tortillos nen empanadas, as billardas e os paláns poñédelos vos e a comida pómola nós, e dito e feito. Paula foi a nosa guía na ruta máis intensa nunha viaxe ó interior das botellas de viño branco e tinto, primeiro dirixímonos ate o Furancho de Oracio donde cunha ampla mesa fóra foron obsequiando os atónitos palanadores e palanadoras con multitude de pinchos en forma de tortilla, xamón, queixo. ......... e como non , con enormes tazas para saborear un viño barrantes e uns brancos que valían o seu peso en ouro. Aínda co sabor exquisito do viño na gorxa a nosa guía dirixiu á expedición LNB hacia a adega Lagar de Broullón donde agardaban máis obsequios para o xa máis que satisfeito paladar de palanadores e palanadoras, coma plus os expedicionarios recibiron unhas moi didácticas clases na propia adega de como se preparaban os incribles caldos que estaban saboreando na mesa situada na porta de entrada, niste instante de paixón uníronse os membros da franquicia Viguesa dos Palán-Ganas que viñan dispostos a todo no primeiro torneo LNB a celebrar nas terras do sur do país.

A LNB CONFORMOU UN INTENSO PROGRANA DE ACTOS QUE CULMINATON CUNHA COMIDA DE IRMANDADE PREVIA Á CELEBRACIÓN DO SUPER-TORNEO DE BILLARDA DE XIL, A LNB CONTRA O FAST-FOOD!!

Despois distes impresionates entrantes a expedición dirixiuse xa á enorme mesa situada ó carón do capela das Angustias , as sinais de fume e un intenso olor a churrasco anunciaban unha vez xa instalados en cadansúa cadeira un prato exquisito, nen os primeiros ministros do G-8 comen tan ben cando se reunen nisas convencións que fan anualmente , só podemos facer ista comparación xa que a expedición da LNB foi recibida en Xil con honores de xefes de estado, un cociñeiro impresionante, Alfredo, que por uns intantes deixou a militancia nise fenomenal grupo de punk-ska chamado "O Furancho do Viçio" para atender á grella na que se preparaban as costelas que os palandores e palanadoras saborearon e lamberon de xeito absolutamente intenso, pero non foi só churrasco, chourizos e un impresionante postre fixo que os membros da LNB case máis que buscar os paláns para desputaren o gran torneo de billarda buscaran un palleiro para dormir a enchenta.

Rematado o encontro no que Ismael “ O Zidane da Billarda” saiu vencedor, toda a expedición dirixiuse hacia a Taberna da Cancela para botarlle a penúltima e despedir a ise auténtico embaixador da filosofía LNB en terras pontevedresas que é Abel, o artífice xunto con todos os seus colaboradores de que todo isto pudiera ser realidade. Un millón de grazas a todos e todas que partiparon niste soño feito realidade.

quinta-feira, agosto 11, 2005

NOVAS DA LNB

O coordinador do Varal xermán viluba é entrevistado a fondo en Vieros , ista publicación dixital leva apoiando de xeito firme e continuado o proxecto de Billarda-LNB , agradecemos enormemente a súa complicidade e agardamos que nista tempada 2005 – 06 poidamos afondar aínda máis nisa relación de amizade e colaboración.
Queremos comunicar tamén que istes días a redacción do Varal viuse colapsada por correos e chamados que nos preguntaban se o moniño pataca que acaparou a atención da prensa estatal pola súa espectacular fuga perpetrada en Ribadeo estaba retido nas nosas dependencias, queremos aclarar que o pequeno simio de 5 kilos e de orixe africana está en Lugo pero no Veral (centro de recuperación de fauna salvaxe) , moitos crían que ante o baile de fichaxes o moniño pataca pudiera ser unha das incorporacións estrela disa nova franquicia chamada Safari. De tódolos xeitos a LNB acolle palanadoras e palanadoas de todas as especies , cores e relixóns, intégrate na LNB e descobre o teu lado máis salvaxe!!

Combate a canícula diste verán e refréscate na poza do Varal!!

sexta-feira, agosto 05, 2005

O COCIÑEIRO DO VARAL


A fin de festa en Celeiro de Mariñaos como non podía ser doutro xeito tivo un convidado moi especial , coñecido coma o Amstrong imposible polos seus continuos desprazamentos en bicicleta , iste ciclista das marxes non utilizou o palán pero non dubidou un instante en coller os mandos da grella e convertirse así no xa oficialmente nomeado "Cociñeiro do Varal". Aproveitando a súa estancia coma inquilino temporal do palco de Celeiro, Amstrong uniuse e participou da gran festa do torneo de seleccións parroquiais Santa Cristina 2005.

O REI DO AVITOALLAMENTO


Ista instantánea mostra ó cociñeiro do Varal ( camiseta branca e guedellas ó ar ) acompañado de Xavier, un dos fundadores do mítico Circulo Clandestino de Celeiro que tanto revolucionou fai uns anos a escena literaria galega. Ismael , o presidente da A.C.D. O Varal achégase ate o lume para bendecir o nomeamento oficial do “Cociñeiro do Varal” nun emotivo acto ante a grella dun churrasco que sen dúbida pasará á historia da LNB.

quinta-feira, agosto 04, 2005

TRASPASOS LNB


Calvete foi unha das grandes revelacións no final de liga , dende o seu arranque espectacular no torneo de Xil, moitas foron as ofertas que o seu reprenetante tivo que tantear para ó final tomar a decisión de entrar a formar parte dos Petapouco de Barreiros, na súa presentación e sinatura de contrato con David, o apoderado da franquicia de Barreiros, Calvete prometeu traballo e amor ás cores que dende xa vai defender con orgullo e tesón , David emocionado declarou case con bagoas nos ollos que Calvete nacera para xogar nos Petacouco. Longa vida a Calvete e ós Petacouco!!

quarta-feira, agosto 03, 2005

HABANA CLUBe


Na selección de Celeiro de Mariñaos atopámonos cunha grata sorpresa cando enfundado nunha camiseta de Nunca Máis atopamos a Miller, un cubano de orixe galega que non dubidou un instante en trocar o bate do béisbol polo palán de LNB para defender a terra e a parroquia do seu avó paterno, dende a LNB gostaríanos ver a moitos máis galegos de segunda , terceira e incluso nados quí con tanto compromiso coma o noso querido amigo Miller. EU QUÉDOME NA LNB!!

terça-feira, agosto 02, 2005

O “DREAM TEAM” DE CELEIRO


Unha parroquia unha selección, a selección de Celeiro de Mariñaos capitaneada e dirixida por Ismael “ o Zidane da billarda” impúxose de xeito maxistral no primeiro torneo de seleccións parroquiais Santa Cristina celebrado o 23-7-05 na pista central de Celeiro de Mariñaos. Os olleadores das grandes franquicias da liga non perderon detalle das evolucións dos palanadores de ambas seleccións, a campaña 2005-06 preséntase apaixoante , equipas á rúa o xogo continúa!!

BARREIROS ALL STARS

Ista foto reune á maior constelación de estrelas do universo LNB procedentes do planeta Barreiros, pese a todo non poideron superar a ise furacán de xogo chamado Celeiro de Mariñaos. Perfectamente uniformados polas camistas cedidas polo concello de Barreiros , ista selección ó igual que lle pasou a Francia nos pasados mundiais de futbol contra Senegal , caeu derrotada pola súa selección irmán.